Acaparador: Intermediario que merca os encaixes para revendelos.
Alba: Vestidura ou túnica de lenzo branco que os sacerdotes, diáconos e subdiáconos se poñen sobre o hábito e o amicto para celebrar oficios divinos.
Almofada: Ferramenta para elaborar o encaixe de bolillos.
Amicto: Lenzo fino e cadrado e cunha cruz no medio que se pon baixo o alba e sobre o lombo e os ombreiros do sacerdote oficiante dalgúns oficios divinos, o diácono e o subdiácono.
Aplique: Peza de encaixe ou bordado que se introduce ou incrusta nas prendas ou outros obxectos téxtiles para adorno.
Blonda: Encaixe realizado en seda negra ou branca. Utilízase nos nutridos ou no fondo.
Bodoque: Releve de forma redondeada que serve de adorno en labores de encaixe ou bordado.
Bolillo: Pequena peza cilíndrica de madeira na que se enrola o fío para realizar o encaixe.
Cartón: Material co que se fai o picado.
Casulla: Vestidura eclesiástica que se pon enriba das demais que se usan para celebrar a misa.
Cofeta: Cofia, tocado de encaixe utilizado nas imaxes sacras.
Cornixal: Lenzo que emprega o sacerdote para purificarse os dedos na misa.
Corporal: Lenzo que se estende, a modo de mantel, sobre o altar para poñer sobre el a hostia e o cáliz.
Cos: Prenda feminina similar ao corpiño.
Encaixe: Labor realizada con febras de diversos xéneros producindo tramados, retorcidos, enlazados, cruzados, etc., para cubrir superficies formando debuxos e calados.
Entredós / Entredous: Tira de encaixe, bordada ou de tapicería que se cose entre dúas teas.
Labor: Cantidade de encaixe que se fai nunha xornada. Tamén pode referirse a unha peza de encaixe enteira.
Nutridos: Partes dun encaixe que forman a decoración, opoñéndose ao fondo que é máis laso.
Palillada o panillada: Reunión de palilleiras para facer encaixe.
Palillar o panillar: Facer encaixe de bolillos.
Palilleira o panilleira: Véxase encaixeira.
Palillo o panillo: Véxase bolillo.
Pasamanería: Conxunto de adornos (galóns, trenciñas, cordóns, flocos, borlas, etc.) para guarnecer indumentaria,cortinas, mobles e outros obxectos.
Picado: Patrón para a elaboración do encaixe de bolillos.
Picadoira: Instrumento co que se fura o cartón para obter o picado.
Picadora: Persoa que elabora picados.
Piques: buratos que forman o picado e onde se colocan os alfinetes que guían e sosteñen a labor.
Punta: En varios lugares de España equivale a encaixe ou puntilla.
Puntilla: Encaixe estreito que se soe engadir e coser na beira dunha tea a modo de remate ornamental. Utilizada xenericamente pode equivaler a encaixe.
Punto de España: Encaixe de bolillos realizado con ouro e prata, aplicado á indumentaria cortesán, popular de gala, en pezas ornamentais de enxoval doméstico e en ornamentos sagrados litúrxicos.
Renda: Guarnición de encaixe, inicialmente á agulla, que se realizaba entre dúas teas. Tamén se denominaba así aos encaixes estreitos de bolillos.
Rebozo: Mantilla corta que usaban as mulleres. Cinguía a cabeza e caía sobre os ombreiros e o peito.
Roquete: Vestidura branca de lenzo fino, con mangas perdidas ou moi anchas, que levan sobre a sotana os eclesiásticos, e aínda os leigos que serven nas funcións de igrexa, e que chega desde o ombreiro ata máis ou menos a cintura.
Torchón: Xénero de encaixe de tipo popular que ten de fondo mallas conseguidas pola torsión das guías.
Tratante: Véxase acaparador.
Vara: Antiga medida de lonxitude que en Camariñas equivale a oitenta centímetros, utilizada polas palilleiras ata a adaptación ao sistema métrico decimal.
sábado, 9 de enero de 2010
viernes, 8 de enero de 2010
Cartel publicitario da XX Mostra do Encaixe
Xa se coñece o cartel publicitario da XX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas. O cartel fai referencia expresa o Ano Santo con unha imaxe da Catedral de Santiago de Compostela e un camiño feito de labor.
Aquí vos deixamos tamén os carteis dos últimos dous anos;
sábado, 12 de diciembre de 2009
A vila de Camariñas é un dos lugares máis coñecidos en relación á tradición do encaixe en Galicia e nela pódese visitar o Museo do Encaixe. Camariñas convértese anualmente nun punto de divulagación da Mostra do Encaixe, que se celebra durante a Semana Santa. Camariñas conta tamén cun Museo Etnográfico, para o que é preciso concertar visitas, e mais co Museo do Alemán de Camelle, ao aire libre. En canto a xacementos arqueolóxicos, pódese visitar o Castro da Croa, preto da aldea do mesmo nome, e mais a mámoa de Reira. No tocante á paisaxe, na costa de Camariñas destaca o Monte Branco, a maior duna da Costa da Morte e a duna remontante máis grande de Europa con 204 metros de altitude, o Cabo Vilán ou a Enseada de Trece, formada por trece pequenas calas que se funden co monte.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)